Preparados para a eclipse?
O 12 de agosto de 2026 viviremos un acontecemento moi especial: unha eclipse total de sol visible desde Galicia. Será unha oportunidade única para observar como a Lúa se coloca entre a Terra e o Sol, facendo que durante uns minutos o ceo escureza coma se fose de noite.
A Costa da Morte será un dos lugares privilexiados para desfrutar deste fenómeno, que atraerá visitantes de moitos lugares. Pero, para vivir esta experiencia dunha maneira segura, é moi importante seguir unhas normas básicas de protección.
Tamén é importante saber que na Costa da Morte non todo o territorio verá a eclipse do mesmo xeito. Nalgúns concellos poderá observarse a eclipse total, mentres que noutros se verá como eclipse parcial, polo que a duración e a experiencia variarán segundo o lugar no que nos atopemos.

Para coñecer como se verá desde cada concello, as horas do fenómeno ou a duración da totalidade, pódense consultar na web oficial de Turismo de Galicia Eclipse 2026 e o portal oficial “A eclipse desde o teu concello". Nestes espazos tamén se pode atopar información sobre observación segura, recomendacións prácticas e novidades relacionadas coa eclipse.

Como observar a eclipse con seguridade
⚠️ Nunca debemos mirar directamente ao Sol sen protección, xa que pode causar lesións graves e permanentes na vista.
Para observar a eclipse de forma segura:
-
Usa só gafas homologadas! (ISO 12312-2).
-
Non valen caretas de soldador, cristais afumados ou calquera outro método caseiro…
-
Aínda que leves os anteollos homologados, non podes estar mirando continuamente para o sol durante máis de 30 segundos seguidos.
-
Así que non é necesario que haxa uns anteollos para cada persoa. Podes compartir un só par cos membros da túa familia, alternándoos para descansar os ollos.
-
Debes poñelos e quitalos sen mirar ao sol.
-
Só poderás observar sen os anteollos durante a fase de totalidade. Coidado con poñelos cando esté a piques de rematar!
Tamén podemos observar a eclipse sen mirar directamente ao Sol, mediante métodos indirectos, por exemplo facendo unha pequena perforación nun cartón para proxectar a luz.
Segue as recomendacións
A eclipse atraerá moitas persoas a diferentes puntos da Costa da Morte e de Galicia. Para vivir a experiencia de forma segura e tranquila, é importante seguir algunhas recomendacións básicas:
-
Evita os desprazamentos se a túa vivenda está na zona de totalidade.
-
Se viaxas, planifica o desprazamento con antelación e leva auga, algo de comida e o móbil cargado.
-
Prevé unha posible saturación dos servizos e das estradas.
-
Ten paciencia ese día, xa que é probable que existan restricións de tráfico e unha gran afluencia de persoas.
-
Respecta sempre as indicacións das autoridades e dos servizos de emerxencia.
Así, entre todas e todos, poderemos desfrutar dunha experiencia única dunha maneira segura e responsable.
Ademais, lembra que na Costa da Morte temos a sorte de continuar este fenómeno co solpor atlántico e a chuvia de estrelas das Perseidas, tamén coñecidas coma “Bágoas de San Lourenzo”.
