A natureza que dá forma á Costa da Morte
A Costa da Morte ten unha das naturezas máis variadas de Galicia. Nun mesmo territorio podemos atopar praias de area branca, cantís de pedra escura, ríos tranquilos, lagoas, montes rochosos e vales verdes.
Esta diversidade débese á acción da natureza durante millóns de anos. O vento, a choiva e o mar foron modelando a terra pouco a pouco, creando paisaxes únicas.
Un territorio cheo de ecosistemas diferentes
As dunas e praias
En praias como as de Carnota, Nemiña (Muxía), Traba (Laxe) ou Lourido (Muxía) hai sistemas dunares moi especiais. As dunas son esas montañas de area que vemos preto do mar. É moi importante non pisalas, pois son ecosistemas moi fráxiles. Aínda que parezan simples montóns de area, en realidade son moi importantes para o medio ambiente, pois:
-
Protexen a costa dos fortes temporais.
-
Evitan que a area desapareza, mantendo a praia no seu sitio.
-
Serven de fogar para plantas e animais que só poden vivir nese tipo de lugar.

Os ríos
Na Costa da Morte atópase o río Xallas, un río moi especial porque é o único de toda Europa que desemboca nunha fervenza. O río Xallas nace no monte Castelo (Santa Comba) e recorre 65 km ata chegar ao mar. O Xallas desemboca con forza na costa de Dumbría baixando pola Fervenza do Ézaro, unha enorme caída de auga que baixa pola montaña ata chegar ao mar. Esta fervenza é tan especial porque é unha das poucas fervenzas de Europa nas que un río desemboca directamente no mar.
Outro río importante da Costa da Morte é o río Anllóns, nace no Monte Xalo (Culleredo) e desemboca na ría de Corme e Laxe, tras recorrer unha distancia de 54 km. Ao chegar a ría, forma un gran estuario cunha gran importancia medioambiental.

Zonas húmidas
As zonas húmidas son lugares onde se mestura a terra coa auga. Poden estar cubertas de auga sempre ou só durante algunhas épocas, e esa auga pode ser doce, salgada ou unha mestura das dúas. Son ecosistemas moi especiais onde viven moitas plantas e animais. Na Costa da Morte pódense ver algunhas zonas húmidas como a Lagoa de Traba, en Laxe, ou a Marisma de Baldaio, en Carballo. Aprendamos un pouco sobre elas:
A marisma de Baldaio é unha zona moi especial porque nela viven moitas plantas e animais. Algúns dos seres vivos que habitan en Baldaio non se poden encontrar en ningures, só na Costa da Morte e zonas próximas, polo que Baldaio é un lugar moi importante para protexer a flora e fauna ameazada. Nesta marisma viven moitísimos animais, centos de especies de peixes, anfibios, reptís, mamíferos e aves.
Tamén o estuario do Anllóns forma parte deste tipo de hábitats onde a auga doce do río se mestura coa auga salgada do mar.

Os montes
O Monte Pindo, tamén coñecido como O Pedregal, e un lugar moi especial debido a súa riqueza natural e as lendas. Está formado pedras de granito, que se eleva ata máis de 600 metros de altitude.
Neste monte podemos atopar plantas únicas como o carballo anano ou o lirio do monte. Ademais, no Pindo viven moitos animais como o lobo, o gato bravo, varias aves rapaces e réptiles, como os tritóns e a víbora de seoane.
Se paseamos polas pedras poderemos chegar a ver furnas formadas pola erosión da choiva, covas, petróglifos e ata ruínas de antigos castelos. Conta a lenda que no Castelo de San Xurxo vivía a raíña Lupa, e que tras a súa morte foi enterrada no Monte Pindo con 7 millóns de ouro na cabeza e 7 millóns nos pés, e que os "Guerreiros de Pedra" defenden o camiño a súa tumba.
.jpg)
Unha natureza que hai que coidar
A natureza da Costa da Morte é marabillosa, pero tamén delicada. As dunas poden destruírse se camiñamos por enriba delas; os incendios poden arrasar montes enteiros; o lixo da praia pode facer dano a moitos animais mariños. Por iso, debemos aprender a coidar estes espazos: recoller lixo, respectar as plantas e animais, seguir os camiños marcados e ser conscientes da sorte que temos de vivir aquí.
Para a conservación destes espazos naturais as Institucións Públicas crearon a denominación de “espazos protexidos”. A Unión Europea ten un mecanismo de protección de espazos naturais chamado Rede Natura 2000. A través deste mecanismo se plantexan 3 ferramentas de protección:
LIC – Lugar de Interese Comunitario
É un lugar que ten algo moi especial: pode ser un río moi limpo, unha duna moi rara, unha planta única ou un animal que necesita protección. A Unión Europea di: “Este sitio é importante para todos, debemos coidalo”. Cando un lugar é LIC, comeza un proceso para protexelo mellor.
ZEC – Zona de Especial Conservación
É o seguinte paso ao LIC. Unha vez estudado o lugar, decídese como coidalo e pásase a chamar ZEC. Significa que alí hai que facer un esforzo especial para conservar a natureza: manter limpos os hábitats, protexer ás especies e evitar actividades que poidan causar danos. Toda a costa de Costa da Morte xunto coa canle do río Anllóns presentan esta distinción.
ZEPA – Zona de Especial Protección para as Aves
É unha zona creada especialmente para protexer ás aves, sobre todo ás que están en perigo ou precisan lugares tranquilos para vivir, criar ou descansar nas súas viaxes. Na Costa da Morte hai varias áreas que teñen esta protección especial, porque son lugares moi importantes para moitas especies de paxaros que pasan ou viven alí.
Descubrindo as aves da Costa da Morte
Como acabamos de ver, na Costa da Morte existen zonas ZEPA, espazos naturais protexidos moi importantes para as aves. Estes lugares, como lagoas, praias, cantís ou marismas, ofrecen alimento, refuxio e lugares seguros para descansar ou criar.
Grazas á gran variedade de paisaxes naturais da comarca, moitas especies de aves viven aquí durante todo o ano, mentres que outras pasan pola Costa da Morte durante as súas migracións, cando viaxan entre diferentes partes do mundo.
Agora imos converterémonos en observadores de aves por un momento.





